Friday 03 de May de 2024

O xefe territorial de Educación visita Frades para coñecer sobre o terreo as necesidades do CPI de Ponte Carreira


 

O xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, vén de visitar Frades para coñecer de primeira man as necesidades de mellora nas instalacións do CPI de Ponte Carreira. Unha visita na que estivo acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa.

Roberto Rey explica que “aproveitamos a visita para que o delegado territorial coñecera sobre o terreo as necesidades do colexio, que precisa de melloras na baixantes, actuacións para eliminar humidades e o cambio de toda o alumeado actual a LED, entre outras. Agradecemos a súa visita e agardamos ter boas novas o máis pronto posible”.

O Concello de Frades leva realizadas numerosas obras de conservación e mellora no CPI de Ponte Carreira nestes dous últimos anos. Así, durante o pasado verán acometeu o pintado da instalación, así como pequenos arranxos e actuacións de conservación no interior do colexio. Así mesmo, durante o pasado ano investira 30.000 euros, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para habilitar un patio interior e renovar o falso teito do comedor escolar, obra que se aproveitou para cambiar tamén o alumeado e pintar o recinto.